Sunday 28 de April de 2024

A Xunta fixa por Lei bonificacións e métodos flexibles de pago para garanir a implantación de tecido produtivo na comunidade


— Ángeles Vázquez salienta que é a primeira vez que Galicia se dota dun instrumento destas características, co que se pretende axilizar e dinamizar a planificación e a creación de solo empresarial

— Lembra que coa Lei de áreas empresariais, que hoxe inicia o trámite de información pública, aténdense unha demanda do sector, que terá de xeito unificado o corpus normativo relativo a esta materia

Co obxectivo de facilitar e garantir a implantación de tecido produtivo na Comunidade, a Xunta fixará por lei bonificacións e métodos de pago flexibles. Esta é unha das principais características da futura Lei de áreas empresariais de Galicia, que impulsa o Goberno galego.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou o contido deste anteproxecto de Lei á directiva da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), cos que mantivo unha reunión na que tamén trasladou información sobre as contas para o vindeiro exercicio do seu departamento en materia de solo empresarial.

Indicou que o borrador de Lei foi aprobado onte polo Consello da Xunta e hoxe –coa publicación no Diario Oficial de Galicia- inicia o trámite de información pública por un período de 15 días. Nese sentido, invitounos a trasladar as súas achegas á normativa, para contar coa opinión directa dun colectivo importante e directamente beneficiado.

Segundo explicou Vázquez Mejuto, unha das razóns principais que motivou a tramitación desta normativa é a unificación do corpus normativo específico, que na actualidade está disperso, e no que se integrarán os programas de incentivos e bonificacións para facilitar o acceso ao solo empresarial de titularidade autonómica; así como os métodos para a flexibilización de pagamento do solo, que se caracterizan por non ter repercusión de xuros durante os primeiros catro anos.

A conselleira recordou que a planificación do solo empresarial en Galicia fíxase no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, que contempla 117 parques en 95 concellos, cun total de máis de 46,3 millóns de metros cadrados; e que coa segunda modificación, na que se está a traballar, incidirase en 7 millóns de metros cadrados máis en Galicia.

En todo caso, a futura Lei tamén prevé un novo instrumento de ordenación, o Plan estruturante de solo empresarial, para o desenvolvemento de solo empresarial de titularidade pública de interese autonómico.

Augurou que esta primeira regulación normativa específica en Galicia salvará un escollo fundamental: crear reservas estratéxicas de solo que permitan, en prazos máis breves, a implantación de iniciativas empresariais, algo que ademais achegará seguridade xurídica ao sector.

Orzamentos do vindeiro exercicio
Así mesmo, a conselleira de Medio Ambiente detallou á directiva de Fegape que o seu departamento reserva case 35 millóns de euros para o vindeiro exercicio, para avanzar cara á reactivación económica e a recuperación.

Concretou que 26,6 millóns de euros se dedicarán á mellora dunha vintena de parques empresariais nas catro provincias galegas, como mínimo; aos que se engade unha partida de 7,5 millóns de euros para bonificar o prezo de venda ata nun 50%.

Os incentivos para a compra de solo son unha liña de acción que despois da aprobación da devandita norma estará fixada por Lei, para así manter a boa acollida dos últimos anos, tal e como demostran os 2,3 millóns de metros cadrados bonificados desde a súa posta en marcha, o que permitiu aforrar 70 millóns de euros ao tecido empresarial.